Friday 03 de May de 2024

Miño presenta a súa programación cultural xuvenil para 2023 cunha gran variedade de propostas


• Diversos talleres, o club de lectura, dirixido pola escritora Lúa Mosqueteira, e o concerto de Guti Galiza integran a oferta de actividades dirixidas a mozas de 14 a 20 anos.

• Haberá un máximo de 15 prazas en cada taller e as inscricións, gratuítas, poderán realizarse presencialmente nas dependencias da OMIX ou a través da web municipal.

O Concello de Miño presentou a súa programación cultural destinada aos mozos de 14 a 20 anos cunha ampla variedade de propostas lúdicas e formativas que inclúen numerosos talleres de diversa índole, o club de lectura dirixido pola escritora Lúa Mosqueteira e o concerto de Guti Galiza.

As actividades darán inicio este mesmo domingo, 26 de febreiro, co ‘Obradoiro de regueifas’, impartido por Alba María de 17.00 a 18.30 horas no Auditorio Municipal.
Xa en marzo, os días 11 e 12, o auditorio será sede novamente dunha sesión formativa de iniciación ao ukelele, en horario de 12.00 a 14.00 horas, a cargo do músico Pablo Seijas.

Pola súa banda, o club de lectura, dirixido pola escritora Lúa Mosqueteira, dará comezo o 25 de marzo no centro social de Loios e desenvolverase os días 29 de abril e 27 de maio de 12.00 a 13.00 horas.

O taller de robótica, impartido por Gazapo, abrirá a programación do mes de abril o día 23 no centro social de Loios cunha sesión que terá lugar de 11.30 a 13.00 horas.

O día 20 de maio o tatuador Pérez ofrecerá unha actividade formativa de debuxo e acuarela desde as 11:30 horas, novamente no centro social de Loios, mentres que o día 29 de xuño, a agrupación Guti Galiza ofrecerá un concerto no parque da Rúa.

Tras o verán, a programación renóvase en setembro co taller ‘Es a miña notificación favorita’, impartido pola psicóloga e sexóloga Lorena Boquete, ofrecerá nocións de xestión afectiva e educación sexual no contexto dixital o día 16 de 11.00 a 14.00 horas no centro social de Loios.

O 7 de outubro cun taller de fotografía con móbil no centro social de Ponte do Porco a cargo do fotógrafo Bastian Rodríguez.

As actividades finalizarán o día 18 de novembro cunha sesión sobre poesía rebelde coa poeta Nuria Vil na biblioteca municipal en horario de 12.00 a 13.30 horas.

INSCRICIÓNS

Os mozos, de entre 14 e 20 anos, que desexen participar en calquera dos talleres deberán realizar a súa inscrición previa, ben presencialmente nas dependencias da OMIX ou a través da páxina web do Concello.

Cada taller conta con 15 prazas, con inscrición completamente gratuíta e preferencia para mozos empadroados en Miño.